miércoles, 27 de marzo de 2019

A Estación meteorolóxica: Medida das precipitacións

Moi boas!

Nunha primeira ollada parecen uns botes máis ben palleiros, sen trebellos nin agullas; vamos, sen importancia. Pero igual e que lles gusta pasar desapercibidos a pesar da súa importante tarefa aos pluviómetros!. Trátase dun vaso en forma de funil profundo que envía a agua caída desde as nubes (precipitación) a un recipiente donde se vai acumulando; os bordes están biselados para evitar salpicaduras e a cor branca é a mellor para evitar a evaporación. Está graduado para medir o volume de agua recollida en centímetros cúbicos e en litros por metro cadrado (ou o que é o mesmo, en milímetros: esta medida representa a altura, en milímetros, que acadaría unha capa de auga que cubrise unha superficie horizontal dun metro cadrado).


Pero...por qué se produce a precipitación?
Bueno, o primeiro é que unha masa de aire cargada de vapor de auga ascenda pola atmosfera, elevación que provoca o seu enfriamento ata chegar á saturación (a masa de aire non pode conter máis vapor de auga a unha determinada temperatura; o aire cálido tiña maior capacidade de conter vapor pero se a temperatura vai descendendo o vapor de auga condénsase en pequenas gotiñas). E o segundo é precisamente que a auga forme gotiñas, o que sucederá  sempre que haxa núcleos de condensación, ou para entendernos, partículas sólidas microscópicas ás que se "pega" esa auga; o tamaño das gotas dependerá do tipo de núcleo de condensación (area, pó, sales, fitoplacton, cinzas...) 
Xa temos a nube. Agora é cuestión do peso da gotiña e da gravidade para que molles a cabeza!.




martes, 19 de marzo de 2019

A Estación meteorolóxica: Medida da temperatura

Ola de novo! 
Temos claro cal é o aparello instalado na garita máis  cool  coas súas cifras dixitais e exactitude decimal. Vexamos que información nos aporta...:
A temperatura do aire no momento actual; a temperatura máxima diaria (a maior temperatura do aire alcanzada no día), alcánzase nas primeiras horas da tarde; e a temperatura mínima diaria (a menor temperatura alcanzada no día), rexístrase en horas do amencer. 
Vale. Pero... como se produce esa calor?:
Pola  radiación solar, que  é a fonte de enerxía principal e practicamente a única para a atmosfera do noso planeta. Esta radiación solar atravesa a atmosfera sen quentala, porque o aire  déixase atravesar polos raios solares sen quentarse. Pero ao chegar á superficie terrestre ou marítima transfórmase  e pode quentar tanto as augas como o chan e as capas inferiores do aire. Así, este quecemento da atmosfera terrestre non é directo senón indirecto a partir dos raios  que son reemitidos pola superficie terrestre quente: polo día o aire quéntase  e pola noite arrefría; nun día despexado o solo está moi quente e eleva a temperatura do aire, non así nun día nubrado en que o solo no recibe moita radiación solar.
Ah!, esquecíame dicirche que imos empregar o termómetro dixital en graos Celsius (centígrados), sendo 0 o punto de conxelación da auga e  100 o punto de ebulición.
E como na entrada anterior falamos da presión, antóllaseme que podemos  relacionar temperatura e presión do aire... 
A maior  temperatura do aire, menor será a súa presión e o aire ascende; á inversa, cando o aire é máis frío ten unha tendencia para descender, co que a presión atmosférica aumenta por compresión nos lugares onde descende. 
Esta relación inversa  afecta ao tempo meteolóxico porque...
Onde a temperatura do aire aumenta, o tempo atmosférico tenderá a ser inestable e pódense producir choivas e mesmo tormentas (B, borrasca); e onde a temperatura do aire descende, o tempo será máis estable e presentaranse días asollados sen nubes e co ambiente seco (A, anticiclón).
Apertas e ata outra!


lunes, 18 de febrero de 2019

martes, 29 de enero de 2019

A Estación meteorolóxica: Medida e representación da presión atmosférica

Ola a todos e todas. Aínda que non o notedes, o aire pesa e polo tanto exerce unha forza sobre todos os corpos debido á gravidade. Esta forza sobre a superficie é a presión atmosférica, cuxas unidades de medida son 1 atmosfera = 760mm Hg = 1013 mb (milibares) ou hPa (hectopascais), que son as que aparecen escritas no aparello que temos na gaiola meteorolóxica  e que se chama Barómetro (tes a fotografía noutra entrada do blog).

Mira o video sobre o experimento de Torricelli para comprender esta forza...


A presión atmosférica está condicionada pola temperatura, a humidade, a situación xeográfica, a altitude... e a súa relación co tempo atmosférico é fundamental na información meteorolóxica; de xeito moi simple: se a presión é baixa (menor de 1013 mb/hPa) falamos de Borrasca ou Ciclón (B), e xa sabes que o asociamos a tempo inestable; pola contra, se a presión medida é superior a 1013 mb/hPa  falamos de Anticiclón (A), que asociamos a tempo estable, sen precipitacións.


E para rematar, que xa chega, nos mapas do tempo represéntase a presión mediante liñas chamadas Isobaras, que sobrevoan todos os puntos do mapa coa mesma presión. Así que si sobre Ferrol ves no mapa unha liña de 996mb colle o paraugas...
Ciao!




lunes, 28 de enero de 2019

Montaxe dunha estación dixital meteorolóxica con Arduino

Os alumnos de 3ºESO e 4ºESO en Tecnoloxía e 1ºBACH na asignatura de Tecnoloxía Industrial aprenderon a programar na placa Arduino. O obxectivo é ir construindo unha estación meteorolóxica dixital que vai gardando os datos nunha tarxeta microSD ou ben as transmita pola Wifi co obxectivo de ter datos dez minutais todos os días do ano.





Sensores de temperatura, humidade e presión atmosférica. Pantalla LCD, reloxo con pila e tarxeta microSD.

Páxina web con instruccións: https://www.luisllamas.es/arduino-dht11-dht22/

lunes, 21 de enero de 2019

Por que?

Porque o tempo atmosférico é un importantísimo condicionante das actividades humanas.

De sempre falamos do tempo, e intentamos explicar as causas: noutros tempos recurrimos á maxia e á relixión para explicar os fenómenos meteorolóxicos; pero hoxe é unha ciencia tremendamente avanzada coa que podemos entender o que acontece e predecir o tempo...ata cunha semana de antelación!

Coa nosa Meteoescola procuraremos achegarnos a coñecementos  básicos para entender por que chove, ventea ou vai friaxe empregando a flamante estación recén instalada. E cos datos que recollamos habemos facer cousiñas... xa veredes.

Botamos a andar con todo por facer: desde o nome da estación, o logotipo que nos identifique, a organización de equipos para a recollida e rexistro de datos, para a divulgación... En fin, que esto non é cousa de dous días e nacemos coa intención de medrar e consolidar!  

 Cando chove e quenta o sol vén o demo por Ferrol, cun saquiño de alfileres para lle picar no cu ás mulleres




Fotografía de César Toimil (4/06/2018)